Clases de Teatro, Música e Artes plásticas 

Música moderna (Guitarra, baixo, ukele e combo)

A música é moito máis que tocar notas. É expresión, identidade e emoción. Nas nosas clases grupais de guitarra, baixo e ukelele, cada acorde convértese nunha ferramenta para descubrir o teu propio son e medrar como músico.

Unha formación con base sólida e experiencia real

As clases están impartidas por un profesor cunha ampla traxectoria musical e formación no Conservatorio. A súa experiencia combina coñecemento técnico rigoroso cun enfoque práctico, creativo e adaptado ás necesidades de cada grupo.

Clases adaptadas a todos os niveis (iniciación, intermedio e avanzado), cun enfoque práctico e personalizado. Traballaremos técnica, repertorio, ritmo, harmonía e creatividade, adaptándonos aos teus obxectivos musicais.

Ademais, durante o curso terás a posibilidade de gravar unha canción, aplicando o aprendido na clase nun contexto real de interpretación.

Traballamos:

  • Guitarra (eléctrica e acústica)

  •  Baixo eléctrico ou Contrabaixo

  • Ukelele

  • Linguaxe musical aplicada ao instrumento

  • Ritmo, harmonía e improvisación

  • Repertorio adaptado aos teus gustos
  • Traballo en grupo e pequenas formacións ou individual

  • Composición

Aquí non só aprenderás a tocar cancións: entenderás a música dende dentro.

Que nos fai diferentes?

1. Método estruturado pero dinámico: técnica sólida sen perder a diversión.
2. Aprendizaxe práctica dende o primeiro día: tocarás música real, en grupo.
3. Atención personalizada dentro do grupo: cada alumno/a avanza ao seu ritmo.
4. Ambiente motivador e creativo: aprender música tamén é gozar do proceso.

O obxectivo é que desenvolvas seguridade, oído musical, coordinación, sentido do ritmo e capacidade para tocar con outras persoas.

 

Cando: De luns a venres

Duración: 1h a seman

Onde: Online ou Presencial (Rúa López mora 21 _ Vigo)

Prezos:
               Clases semanais (1h)
Individual: 85€/mes  
Grupal (máx.3 persoas): 51€/persoa/mes

               Clases espress (30min/semana)
Individual: 45€/mes 
Grupal (máx.3 persoas): 31€/persoa/mes

                Clases combo (Grupo)
Formación en grupo para tocar en conxunto, mellorar a escoita, o ritmo e a dinámica de banda.
31€/persoa/mes
 Mínimo 3 persoas por grupo

 

Teatro

O teatro non é só subir a un escenario. É descubrir quen es, conectar coas emocións, comunicar con forza e formar parte dun grupo que crea algo único. Nas nosas clases grupais, o escenario convértese nun espazo seguro onde explorar, xogar e medrar.

As clases están impartidas por dous docentes cunha sólida e ampla traxectoria nas artes escénicas. Formados en Arte Dramática e cun Máster en Estudos Avanzados de Artes Escénicas, combinan experiencia profesional e pedagóxica nunha proposta dinámica, actual e profundamente creativa.

Traballamos dende múltiples linguaxes escénicas:

  • 🎭 Teatro físico

  • 🗣️ Teatro textual

  • 🤹 Clown

  • 🎶 Teatro musical

  • 🎬 Creación colectiva e improvisación

A nosa metodoloxía une técnica e liberdade, disciplina e xogo, rigor e emoción.

 

Que nos fai diferentes?

1. Enfoque integral: corpo, voz, emoción e pensamento trabállanse como un todo.
2. Aprendizaxe vivencial: apréndese facendo, experimentando e compartindo.
3. Grupos reducidos e acompañamento personalizado: cada proceso é único.
4. Ambiente creativo e motivador: fomentamos a confianza, o respecto e o traballo en equipo.

Aquí non só se aprende interpretación. Desenvólvese a expresión, a seguridade persoal, a capacidade de falar en público, a escoita activa e a creatividade.

Cando: De luns a venres

Duración: 2h a seman

Onde: Online ou Presencial

Prezo: 65€/mes

Artes Plásticas (Expresa, experimenta e crea sen límites)

A arte é unha forma de mirar o mundo… e tamén de transformalo. Nas nosas clases de artes plásticas propoñemos un espazo onde a pintura convive coa experimentación, a expresión persoal e a exploración de novos materiais.

Aquí non buscamos copiar: buscamos descubrir linguaxes propias.

Pintar para comunicar

Partimos da pintura como punto de encontro entre emoción, pensamento e forma. Traballamos a cor, o xesto, a composición e a materia como ferramentas para expresar ideas, sentimentos e historias persoais.

Cada obra convértese nun proceso de investigación artística onde o importante non é só o resultado final, senón todo o camiño creativo que leva ata el.

Novos materiais, novas posibilidades

Un dos eixos principais do traballo é a reutilización e transformación de materiais. Exploramos como elementos cotiáns poden converterse en soportes ou ferramentas artísticas.

Traballaremos con:

  • 🎨 Pintura e técnicas mixtas

  • 📦 Cartón como material escultórico e pictórico

  • 🧩 Collage, ensamblaxe e composición

  • ✂️ Intervención e transformación de materiais reciclados

  • 🖌️ Experimentación con texturas e volumes

O obxectivo é abrir novas formas de comunicación visual e entender que calquera material pode converterse nunha oportunidade creativa.

Un espazo para explorar e desenvolver a túa voz artística

As clases están pensadas como un laboratorio creativo onde cada persoa pode experimentar, probar, equivocarse e descubrir novas maneiras de crear.

Fomento da expresión persoal
Procesos creativos abertos
Experimentación con materiais pouco convencionais
Desenvolvemento da mirada artística

Non é necesario ter experiencia previa: só curiosidade, ganas de explorar e de deixar que a creatividade apareza.

 

Que nos fai diferentes?

1. A arte como expresión: máis alá da técnica, buscamos desenvolver unha linguaxe artística propia.
2. Materiais reutilizados: exploramos o cartón e outros materiais cotiáns para crear novas formas e soportes.
3. Experimentación constante: probar, investigar e equivocarse forman parte do proceso creativo.
4. Ambiente aberto e creativo: un espazo para explorar, compartir ideas e deixar aparecer a creatividade.

O obxectivo é desenvolver a expresión persoal, a capacidade de experimentar con materiais e unha mirada artística propia para comunicar a través da creación.

Cando: De luns a venres

Duración: 2h a seman

Onde: Presencial

Prezo: 85€/mes

Profesorado

As clases están impartidas por docentes cunha sólida e ampla traxectoria nas artes escénicas, música e artes plásticas.

BRAIS IRIARTE
(Música, Teatro e Teatro Músical)

É licenciado en Arte Dramático pola ESAD de Galicia. Ten un mestrado en Estudos avanzados de arte dramático pola universidade da Rioxa (UNIR). Formado no Conservatorio de Tui en guitarra eléctrica.

Músico multinstrumentista e cantante formado en Galicia e Portugal.

Traballou en diversos proxectos teatrais como Se fosen turistas levarían gafas de sol, A lingua na boca, A lingua de contrabando ou Pedro madruga no Castelo de Soutomaior. Traballou e formouse como actor en diversos países: España, Portugal, Arxentina ou Uruguai.

Colaborou en proxectos musicais como Le BarLuthier, Samba da Batea, RSK emocional, Dudecan ou La timba mullallo e con artistas como Wöyza, Pablo Novoa, Nicolás Pastoriza, Litus Ruiz, Alberto Vilas, Adrián Solla ou Serafín Carballo. Foi baixista e vocalista programa da Televisión de Galicia Heicho cantar queridiña.

IVÁN DAVILA
(Teatro e Clown)

É Titulado Superior en Arte Dramático pola ESAD de Galicia, na especialidade de interpretación textual. Ten un mestrado en Estudos avanzados de arte dramático pola universidade da Rioxa (UNIR)

Complementa a súa formación asistindo a diversos talleres impartidos por profesionais como Vicente Fuentes, Dani Abreu, David Luque, Carlos Sante ou Santi Cortegoso.

Actualmente desempéñase como clown hospitalario en Fundación Theodora, visitando de forma presencial hospitais de Galicia e de forma virtual outros no resto do país. Forma parte da compañía Nelson Quinteiro Producciones, levando a cabo espectáculos de rúa cunha forte presenza da danza e do cabaret.

No 2019 crea a compañía NegroLópez, coa que realiza os espectáculos: XOGAMOS? e SEN PALABRAS.

LUCÍA SÁNCHEZ
(Artes plásticas e Teatro)

É Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e formada en Interpretación Xestual na ESAD de Galicia. Completou un Magíster en Escenografía na Universidade Complutense de Madrid, onde foi finalista do Premio Internacional de Escenografía 2011.

Traballou como xastre e axudante de vestiario en Sastrería Cornejo e en distintas montaxes teatrais. Tamén é actriz con experiencia en diferentes producións escénico-musicais

Combina a súa traxectoria escénica co traballo educativo e social, desenvolvendo talleres de teatro e creación artística en colexios e centros de atención a persoas con parálise cerebral, como APAMP. Participou como facilitadora no proxecto de inclusión laboral a través do cinema DIMMb, colaborando na curtametraxe Quérete.

Con formación en danza clásica e experiencia como artista plástica, participou en exposicións e proxectos expositivos, así como na Bienal de Arte de Pontevedra. O seu perfil multidisciplinar integra artes visuais, escénicas e pedagóxicas.

Dirección

San Francisco, CA 39325
Get Directions

Horarios

luns – venres: 10:00 – 21:00
Sábados e Domingos: Pechado

Contacto

+34 663 13 07 41/ +34 628 78 96 23
limiarteatro@gmail.com

séguenos

Login

Subscribe