A MÚSICA NON AMANSA ÁS BESTAS

Sinopse

A música non amansa ás bestas permítenos acompañar a procura creativa dun compositor obsesionado coa música. Movido pola súa obsesión fai un experimento social baseado na famosa frase: “A música amansa ás bestas” pertencente ao personaxe mitolóxico de Orfeo. Desta personaxe se dicía que posuía un canto e unha forma de tocar a lira que podía amansar ás bestas máis salvaxes. Para este experimento o músico ten como axudante á inspiración, ou como el se fai chamar: “a musa”, que lle axudará a abrir a súa mente a novas posibilidades con respecto a música.

O compositor fai partícipe ao espectador desta procura, probando cos elementos básicos que a compoñen. Pouco a pouco vai descubrindo a importancia que teñen estes elementos musicais na sociedade, trocando esa idea inicial de amansar pola de facer unha obra para reflexionar, socializar e escoitar.

A música non amansa ás bestas é un espectáculo no que, a través do teatro, a música e a comedia, o espectador ten a posibilidade de reflexiona sobre a sociedade pasada, presente e futura. Nesta peza preséntanse cuestións ao público, que só el poderá responder: que é xusto? Vivimos nunha sociedade tribal, individual ou colectiva? Cantas mulleres, coñecemos  no mundo das artes? Pode a música mudar o significado das cousas e variar as nosas emocións? 

A música é o fío que une todo, a música está e estará presente sempre nas nosas vidas; con ela choramos, rimos… pero tamén bailamos, a música úsase para facer “o ben” pero tamén “o mal”… ou non, diso xa nos encargamos os seres humanos. A música é, esencialmente, unha ferramenta de comunicación, o “idioma universal” que todos entendemos pero ninguén interpreta da mesma forma. Unha sociedade sen música non pode existir, o silencio tamén é música, e ás veces, a mellor das melodías ou das palabras. A música existe por que a sentimos, unha sociedade educada en escoitar música é unha sociedade empática, educada en escoitar aos demais.

O espectáculo téndelle a man ao público, rompendo a cuarta parede, dende o comezo para camiñar xuntos, e é no final cando se lle solta para deixar que o público decida onde quere ir.

“A música non pode parar unha bala, pero si deter a man de quen preme o gatillo”

 

Equipo

  • Elenco: Iván Davila e Brais Iriarte
  • Dramaturxia e dirección: Brais Iriarte
  • E.S.P: Jose Manuel Núñez
  • Espazo e iluminación: Don Corcheiro e Brais Iriarte
  • Axudante de escenografía: Lucía Sánchez López
  • Equipo de produción: Carlos Martínez Carbonell e Brais Iriarte
  • Deseño de cartel e deseño gráfico: Lucía Sánchez López

 

Datos básicos

  • Idiomas: Galego/Castelán.
  • Duración estimada: 70min
  • Idade recomendada: maiores de 12 anos.
  • Requisitos escénicos desexables espazo: 9 x 6x 5m
  • Requisitos escénicos mínimos espazo: 5 x 5 x 3m Técnica adaptable.

 

Espectáculo modular adaptable ao espazo e a cada contido formativo requirido.
(ESO e Bacharelato)

Dispoñible taller:
A MÚSICA, UNHA FERRAMENTA DE COMUNICACIÓN
+ en Dossier